XVIII Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”

 

Con un total de 17 embarcacións (6 delas de gran porte), cerca de 100 tripulantes,  unha ducia de visitas guiadas e media ducia de navegacións, a Ría de Muros encheuse de beleza.

Como invitados tiñamos:

JOAQUIN VIETA

O balandro máis antigo de Galicia

Un balandro de cabotaxe de dous paus e 18 metros de eslora construído en madeira entre os anos 1915 e 1916 nos estaleiros de carpintería do Freixo, onde foi adquirido por D. Joaquin Vieta Ros, veciño de Muros, quen lle
da o nome o buque. Foi adicado ao transporte de mercadorías entre Noia e Vigo.

Eslora: 18,4m +4m (botalón)     ;      Manga: 5m     ;     Puntal: 2m

Aparello: Foque, Cangrexa Maior e Cangrexa Mesana

 

IRMANDIÑA

 A maior dorna do mundo

Irmandiña é unha dorna xeiteira construída en 2003 nos estaleiros Garrido do Grove. Esta dorna, de 9 metros e medio de eslora, foi deseñada para atravesar o océano Atlántico utilizando métodos tradicionais de navegación (travesía que finalmente non se levou a cabo). (https://dornameca.org/barcos/irmandinha/ )

Eslora: 9,5m     ;      Manga: 3,15m     ;     Puntal: 1,7m

Aparello: Foque e Cangrexa

 

A MECA

 É un tipo de dorna xeiteira que, como o nome indica, é propio do Grove. A súa característica principal é a proa, que ten unha fasquía máis lanzada que as outras dornas xeiteiras.

A Meca foi construída en 1995 polos irmáns Garrido. Como non existían planos deste tipo de dornas, foron axudados por antigos carpinteiros de ribeira (como Paquito Camaño) e vellos mariñeiros que lembraban as dornas mecas que antigamente navegaban pola nosa costa. A Meca ten 15 cuartas de quilla, o que se corresponde cunha eslora de 7 metros e medio. (https://dornameca.org/barcos/dorna-meca/).

Eslora: 7,45m     ;      Manga: 2,45m     ;     Puntal: 1,2m

Aparello: Relinga

 

LUISA III

O Luisa III foi construído en 1980 por un particular para uso recreativo. O barco construíuse seguindo a tipoloxía tradicional dos típicos barcos de transporte costeiro das Rías Baixas, os galeóns.

Despois de navegar centos de millas, comezou a desvanecerse ancorado no peirao de Marín. O seu propietario antes de que se perdese o barco cedeullo ao AVV Boureante, que se encargou da súa restauración. Unha vez finalizada a restauración, o Luisa volveu ao mar en 1997.

Durante moito tempo foi o meirande dos barcos da flota tradicional galega, sendo bandeira de Poio nas concentracións e Encontros de Barcos tradicionais por toda Galicia.

Dende o ano 2001 o CM A Reiboa encárgase do mantemento e navegación do Luisa III, realizando os labores necesarios para mantelo operativo.

 

E, coma non, a embarcación de máis porte da nosa Mariña,  o galeón ABELLERIA:

Que aproveitaron a ocasión da visita de patróns experimentados para aprender algo máis de navegación tradicional:

 

O mal tempo que tivemos algún día, non impediu aos nosos grandes mariñeiros achegarse casi á boca da ría, para, despois dunha dura navegación contra vento e mar, achegarse á praia de San Francisco para descansar e repoñer forzas (abrigados polo monte Louro…):

 

E non menos importante foron as visitas guiadas, que permitiron a todo aquel visitante interesado, coñecer máis de cerca a cultura mariñeira, non só os nosos barcos (cunha representación dunha ducia de tipoloxías diferentes: buceta de Muros, canoa muradán, bote de Noia, dorna, dorna polbeira, dorna xeiteira, dorna meca, gamela de Cabo de Cruz, lancha xeiteira, gaelón, balandro,…), senón a historia particular de cada unha delas e, o que é mellor aínda! das nosas xentes do mar…