A nova vela que compramos no 2020 (coa axuda do Concello de Muros), para a Visenta, é un pouco máis grande que a vella, polo que, agora que xa ten todo renovado (embarcación e vela), precisaba tamén dun pau un pouco máis alto.
Buscamos unha ladeira norte, ben inclinada, con pouco solo, onde os piñeiros creceran lentos, cos aneis pretos, para darlle máis consistencia e resistencia ao que vai ser o sostén da nosa vela (e motor da nosa navegación).
Grazas á Comunidade de Montes de Louro, que nos deu permiso para coller un piñeiro da súa propiedade, e tras varios días pateando monte (esta vez tocou travesía por terra), collimos un na zona de Monte Louro (onde xa nos contara o noso veterano mariñeiro Manolo que os collían eles). Fumos un día de lúa chea e ca marea chea tamén (faltounos no solsticio de verán, pero xa non nos daba…), co gallo de que o zume da árbore estivera todo arriba, para unha maior protección e duración do pau.
Xa na casa (porque seguimos sen ter local para a asociación), houbo que preparalo, descortizándoo e cortándoo á medida: 4 m de altura e entre 28 e 32 cm de perímetro na base.