Foi unha gran oportunidade que Manolo, cos seus oitenta e pico anos, quixera relembrar con nós os seus tempos de mariñeiro de lancha xeiteira…; vivencias doutras épocas que nos axudan a redescubrir o noso patrimonio marítimo:
a roupa que levaban (a que tiñan), que non se sabía de que cor era, ou os zocos aos que lles poñían coiro na base, para non esvarar na cuberta;
as caldeiradas de peixe, como non! que facían a bordo, co que pescaban á liña mentres esperaban para recoller o aparello;
o que bebían, auga, nun porrón, e levaban un barril que enchían en Monte Louro cando se lles terminaba;
as noites de espera no Ancoradoiro, onde quedaban as embarcacións, ca súa garda correspondente, mentres o resto da tripulación desembarcaba e ía durmir a casa;
os recordos dos bos patróns, que saían de Fisterra pola noite, co vendaval, guiados polo compás e o seu reloxo, e botando a sonda que, segundo o tipo de area que traía, sabían se estaban nos baixos de Meixide…, e polo son das ondas ao bater nas rochas, diferenciando os cons das laxes, …, e chegando ao Son salvando Baia, para non encallar nas rochas, había que virar ao enfilar o vermello de Rebordiño, e entrar xa co vento case na popa, …
de como deixaban as velas a secar ao sol (salpicadas polo mar, despois de navegar coa regala tocando a auga, a pesar de que viñan todos os mariñeiros facendo banda), e os barcos fondeados diante dos Tres Picos (con argazo na cuberta, para que non abriran as madeiras), ou como varaban todas as embarcacións nos campos, ao chegar o bo tempo, para calafatear…
e as regatas de canoas, onde todos os homes da comarca medían as súas forzas, porque, cando non había vento, eran os remos os que traballaban duro…
e o día do Carmen, que esperaban todos ansiosos, non só pola festa, senón porque a partir deste día, no que se bendicía o mar, os rapaces podían bañarse…
Grazas por manter e transmitir toda esta historia e sabedoría! Esperamos máis días que compartir, porque aínda nos queda moito por aprender…